Este mes de outubro comezamos de novo co EpDLab. Esta vez inauguramos a quinta edición do proxecto no IES O Milladoiro, para continuar co Pintor Colmeiro de Silleda, o Carlos Casares de Viana, o Illa de Ons de Bueu e o IES de Brión. Arrincamos reflexionando sobre a identidade e, máis concretamente, sobre a identidade de xénero. Como afecta representación dos roles masculinos e femininos nas nosas vidas?

Dende descubrir que as características da identidade son construcións sociais, reflexionamos sobre a súa representación nos medios de comunicación e como inflúe nas nosas relacións con outras persoas. Para iso, analizamos o tratamento que lle dan os medios ás mulleres no deporte.

Cada ano que pasa, esta sesión fase máis fácil e, ao mesmo tempo, é máis complexa: percíbese que o alumnado ten moito máis traballados conceptos básicos ao redor da igualdade, tales como sexo, xénero, sexismo, machismo ou mesmo feminismo. Por exemplo, cada vez é máis raro que confundan o feminismo con algo similar ao machismo, pero “para mulleres”: a maioría ten claro que o feminismo busca a igualdade de dereitos e que, por tanto, un home pode e debe ser feminista. Os debates son moi ricos e relevantes, e permiten que rematemos con fotografías como estas, que son a mostra de que un mundo mellor vai ser posible, seguro!