Cal é a nosa pegada ecolóxica? Necesitamos todo o que consumimos? Sabemos de onde vén, quen o fabricou, en que condicións, que impacto ten esa fabricación no noso planeta? Moitas preguntas para responder neste 5ª obradoiro do EpDLab.

Para contestar á pregunta sobre a pegada ecolóxica utilizamos unha web para calculala, e quedamos abraiados ao comprobar cantos planetas Terra necesitaríamos para manter o noso xeito de vida. Reflexionamos sobre o importantes que son as nosas decisións á hora de consumir, e aprendemos que hai outras formas de facelo que benefician ao medio, fixándonos na orixe dos nosos alimentos, os envases que utilizamos, a cantidade de roupa que realmente precisamos… Todos e todas sabemos que é difícil loitar contra o chamado da publicidade e da sociedade de consumo, pero podemos ir facendo pequenas cousiñas que axuden ao noso planeta. Sobre todo, aprendemos que a fabricación de cada cousa que consumimos (pezas de roupa, alimentos ou bebidas, dispositivos…) ten un grande impacto na natureza, e aínda que nos pareza que o que cada un faga a nivel individual é como un gran de area no deserto, non debemos olvidar que o deserto necesita de cada gran para formarse, así que si é importante o que cada un de nós faga.

Ademais de tentar respostar a todas estas preguntas, Roi falounos das estratexias da publicidade e reflexionamos sobre elas a partir de exemplos que todos coñecemos. Tamén nos explicou que é a contrapublicidade e cal é o seu obxectivo e para finalizar a sesión fixemos os nosos propios productos de contrapublicidade coa axuda da aplicación Canva.

Un obradoiro sorprendente e que agardamos que contribúa a cambiar pequenos hábitos.