No obradoiro de hoxe achegámonos á realidade do “batey” La Balsa, na República Dominicana. Aprendemos que un “batey” é un asentamento ligado á historia das plantacións de azucre, que ben vale unha investigación na rede.

Como non podía ser doutra maneira, primeiro Roi fixo un escaneo para ver que sabiamos do país. Unha vez centrado o tema, fixemos unha serie de consideracións sobre o privilexio, a desigualdade social, o acceso ós recursos, etc.

Cando xa se despertara por completo a nosa curiosidade, fixemos un percorrido pola aldea da man das “videocartas” de varios dos seus habitantes nunha sorte de “Elixe a túa propia aventura”, visitando primeiro aquela información que máis nos chamaba a atención. Podería parecer que a súa realidade é do máis oposta á nosa pero para a nosa sorpresa, temos moitas cousas en común 🙂

Por último, quixemos corresponderlles a esas videocartas coas nosas propias, para mandarlles de volta un anaquiño de Silleda. Para isto, fixemos uns vídeos amosándolles a nosa realidade máis inmediata.