Arrincamos o primeiro obradoiro do EpDLab 22-23 con unha actividade totalmente nova. Decidimos nesta edición modificar o itinerario didáctico en base as achegas recollidas nun traballo de investigación-acción levado a cabo o curso pasado con alumnado que pasara por EpDLab ao longo dos diferentes cursos. Deste xeito, o obradoiro de “sexismo nos medios” co que comezabamos ata agora deixou de facerse. Pero, ollo! Non desapareceu a temática, senón que pasou a integrarse de forma transversal e explícita en todas as actividades. Deste xeito, sorteamos o efecto rebote en relación á saturación percibida polo alumando en temática de igualdade pero non porque creamos que non faga falta, senón porque hai que traballala doutro xeito.
Así, esta primeira sesión decidimos comezar visibilizando a importancia de educación e súa relación coa xustiza social e as oportunidades. Comezamos facendo un mapa da educación que lles gustaría ter, ou máis ben, da que cren que debería existir. Saíron ideas como respecto (moi repetida), valores, resolver conflitos… isto serviu para poñer en valor as aprendizaxes informais da educación, que por teren lugar fóra da aula, non son menos importantes.
Pasamos despois a relacionar a educación coas oportunidades a partires dun exercicio que realizaramos o curso pasado na última sesión no que teñen que facer unha listaxe individual co que lles gustaría ser/ter/facer de aquí aos 30 anos. Unha vez teñen isto anotado, dicímoslles que pasaría se perde un ano de escola, dous, tres… ou teñen que abandonar forzosamente os estudos. A partires disto, que lles parece imposible que chegue a pasar, vemos como en diferentes lugares do mundo a educación non está garantida ou, directamente, hai infancia que nunca recibe educación. Introducimos a perspectiva de xénero neste apartado e vemos como, dentro destas estatísticas, son as nenas as peor paradas. Matrimonios forzosos, embarazos adolescentes, coidados… a desigualdade de xénero está en todos os ámbitos e neste tamén.
Rematamos a actividade con un chamamento á acción: fronte as desigualdades, activismos. Presentamos a diferentes mulleres que son activistas pola educación. A que máis impacto lles causou foi Malala. A través dun pequeno vídeo coñecemos a súa historia, facemos unha reflexión final e pasamos a realizar fotografías polo dereitos á educación. Unha xornada ben aproveitada da que o alumando tirou reflexións por escrito a modo de conclusións como estas:
O obradoiro de hoxe resumido nunha frase
- A educación, a igualdade de xénero e que non haxa pobreza é igual de importante que beber.
- Educación, cultura y feminismo
- O significado de activismo e a importancia da educación.