Bulos, rumores, fake news…. podemos poñerlle o nome que queiramos pero responden á mesma idea, á de deformar as realidade coa intención de reforzar unhas ideoloxías. Como dixo unha rapaza no IES do Milladoiro, “son as noticias falsas que comparten as persoas máis favorecidas contra aqueles máis desfavorecidos para manterse na mesma posición”. En gran medida é así, son noticias falsas que na maioría dos casos diríxense á construír un discurso que reforce a posición dominante das persoas dominantes. Por iso moitas destas noticias falsas teñen como obxectivo ás persoas migrantes, refuxiadas, os feminismos… e porque sempre é máis cómodo crer nunha realidade onde o responsable é o “outro” que nós.
Como poden pasar por verdadeiras as noticias falsas? En primeiro lugar porque replican as formas dos medios de comunicación tradicionais xa que inclúen citas (falsas), datos (falsos) e todo sumado aporta veracidade isto é, aparentan ser verdade. De aí que comezaramos a sesión con un xogo no que ao alumando dabámoslle varias noticias e tiñan que distinguir se eran verdadeiras ou falsas. Na maioría dos casos non acertaron todas pero, por primeira vez nos 4 anos que levamos co proxecto, polo menos un grupo de cada un dos centros acertou todas. Casualidade ou melloras na lectura crítica do alumnado cos anos?
Esas primeiras noticias eran “inocentes”, varias delas sacadas de “El Mundo Today”. Pero que pasa cando detrás dunha noticia falsa non hai intención de facer rir senón de sinalar a un colectivo e difundir un discurso de odio? Esta parte comezámola cunha imaxe que circulou en redes hai un ano. Pode unha imaxe, sendo real, fomentar o odio cara outras razas ou culturas? Claro que si. Neste punto, “Maldito Bulo” é este pequeno vídeo foi de moita axuda na aula para fomentar o debate. Interesante ver como o alumnado tiña moi claro que todo isto pasaba (1) para gañar cartos a través do clickbait e (2) porque queren que pensemos dunha forma determinada.
Esta última razón fai que o discurso de odio estea moi presente na sociedade e chegue as aulas. Senón non se explica que nunha clase dun centro rural en Galicia, onde a presenza da inmigración é anecdótica (2 rapaces inmigrantes nunha aula de 27), un rapaz diga “é que isto da inmigración é unha invasión”. O mantra das fake news sobrevoando a aula. Pero o positivo é que falamos un pouco e o rapaz decidiu buscar no seu móbil un pouco de información. E, oh, sorpresa! o mesmo rapaz 5 minutos despois dixo: “pois non hai tantos, eu pensaba que eran máis…”.
Porque a diferencia entre a nosa percepción e a realidade e outra das claves. Se mediante as bulos, rumores, fake news…. podemos poñerlle o nome que queiramos, conseguimos que a sociedade teña unha percepción da realidade, esa percepción vai determinar as súas ideas e condutas. Por iso son tan relevantes iniciativas como Stop Rumores que aportan datos e recursos para ser empregados de maneira sinxela e directa. Con estes datos traballamos na parte final da sesión para facer vídeos contra os rumores. Porque se a desinformación e un arma, a información ten que ser a resposta.