Na última sesión de EpDLab déronnos conta de todo o que vivimos e aprendemos ao longo destes meses. Volvemos ao punto de partida, aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero agora con outra mirada. Xa non era só aprender o que son, senón entender que sen alianzas, sen facer cousas xuntas, non hai cambio posible. O ODS 17 fíxonos pensar que ninguén pode facer todo só, pero que entre todas as persoas si se pode mover algo.

Nesta sesión falamos de participación, de solidariedade, de activismo… pero non dun xeito aburrido nin teórico. Coñecemos historias reais, xente que loita por un mundo mellor desde a súa realidade, con accións pequenas pero poderosas. Algunhas eran artistas, outras activistas, outras simplemente persoas que decidiron non quedar caladas fronte ás inxustizas.

Todo iso inspirounos moito para crear propostas con frases e ideas que nos marcaron. Tamén gravamos vídeos para compartir nas redes coas nosas mensaxes de cambio. Queríamos dicir alto e claro o que pensamos, o que sentimos e o que nos gustaría que mellorase no mundo. E fixémolo coa nosa linguaxe, coa nosa creatividade e coas ferramentas que usamos cada día.

Houbo frases que resumiron moi ben o que sentimos:

“Ver o mundo con outros ollos”;
“Falar de cousas das que case nunca se fala”;
“Aprender cousas que me van servir na vida”;
“Entender mellor como convivir e respectar aos demais”.

E cando chegou o momento de propoñer temas para seguir traballando no futuro, non nos cortamos: dereitos humanos, saúde mental, igualdade, racismo, medio ambiente, consumo, diversidade, dereitos LGTBIQ+… Hai tanto por facer que non queremos que isto remate aquí.

EpDLab rematou, si, pero algo quedou: as ganas de seguir, as ideas, as emocións, as conversas e esa sensación de que entre nós tamén podemos facer que o mundo sexa un pouco máis xusto. Porque aprendemos moitísimo, si… pero tamén nos divertimos, coñecémonos mellor e, sobre todo, sentimos que formamos parte de algo importante.

Botarémosvos moito de menos!!