Na última sesión de EpDLab, pechamos o círculo que comezara co primeiro obradoiro: volvemos ao punto de partida, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero cunha ollada máis ampla, crítica e transformadora. O foco estivo nesta ocasión no ODS 17: Alianzas para acadar os obxectivos. Porque, como comprobamos ao longo destes meses, ninguén pode cambiar o mundo en solitario.

Neste derradeiro obradoiro falamos de activismo, participación e solidariedade, coñecendo historias de persoas que loitan contra as desigualdades desde diferentes realidades e contextos. A través da comunicación, da arte e da acción colectiva, descubrimos que a loita contra a pobreza e a discriminación tamén se pode facer con creatividade e esperanza.

Estas son algunhas das aprendizaxes que destacou o alumnado:

> “Foi ver o mundo con outros ollos”;
> “Aprender cousas novas que me van servir para o futuro”;
> “Que se falara de cousas das que se fala pouco”;
> “Aprender a convivir e a respectar”.

A rapazada tamén tivo a oportunidade de reflexionar sobre todo o aprendido e expresalo nun mural colectivo de aprendizaxes, ademais de crear pezas audiovisuais (reels ou TikToks) co obxectivo de espallar mensaxes de cambio nas redes sociais. Porque se hai algo que aprendemos nestes meses é que a comunicación pode ser ferramenta de transformación social.

E por se quedaba algunha dúbida, as propostas do alumnado para continuar traballando o próximo curso foron claras: dereitos humanos, saúde mental, diversidade, racismo, igualdade, acoso, coidado da natureza, consumo, dereitos LGTIQ+, sustentabilidade…. Temas urxentes e actuais vistos desde a súa mirada e co seu compromiso.

EpDLab remata aquí, pero a semente está posta: nas ideas, na conciencia, nos vínculos creados e nas ganas de seguir facendo do mundo un lugar máis xusto.