No quinto obradoiro de EpDLab metémonos de cheo nun tema que está moi presente nas nosas vidas (aínda que case nunca nos paramos a pensalo): o consumo. Ao principio parecía que iamos falar só de anuncios e tendas, pero acabou sendo moito máis ca iso. Remexeu por dentro e fíxonos mirar as cousas doutro xeito.
Comezamos falando do que hai detrás do que compramos todos os días. Coa axuda de vídeos, exemplos reais e moitas conversas, déronnos conta de como as grandes marcas nos contan só o que lles interesa e agochan realidades moi duras: explotación laboral, impacto ambiental, desigualdade… Vimos que unha camiseta barata pode ter un custo moi alto para outras persoas e para o planeta.
Foi impresionante ver como todo está conectado: o plástico, a auga que se precisa para fabricar roupa, as condicións nas que traballan mulleres noutros países, o lixo que xeneramos ou como a publicidade nos manipula para que compremos cousas que non necesitamos.
O máis divertido chegou ao final, cando fixemos os nosos propios anuncios, pero ao revés: contra-publicidade. Inventamos mensaxes para darlle a volta ao típico “comprar por comprar” e propoñer ideas máis conscientes, máis xustas e máis reais. Foi creativo, distinto e, sobre todo, moi liberador.
Marchamos dese obradoiro coa cabeza chea de preguntas, pero tamén con moitas ganas de facer cambios nos nosos hábitos. Porque agora sabemos que consumir tamén é decidir, e que cada decisión conta. E si, aprendemos un montón… pero tamén o pasamos xenial!