Co obradoiro 5 entramos de cheo no corazón do sistema: o consumo. A través da análise crítica da publicidade e das relacións económicas globais, a mocidade participante descubriu o que se agocha detrás das grandes marcas, das mensaxes publicitarias e dos hábitos de consumo que damos por feitos. Aprendemos a mirar con outros ollos, a desmontar discursos e a pensar antes de comprar.
Comezamos falando de desigualdades globais, cambio climático e pobreza, e pronto nos demos conta de que todo está conectado: a auga que gastamos para facer unha camiseta, as condicións laborais das mulleres nos países produtores, o lixo que xeramos, os anuncios que nos empuxan a mercar sen pensar…
> “Pensaba que consumía responsablemente, pero agora vexo que non facía nin o 1% do que pensaba”, “Os anuncios son máis falsos do que pensaba” ou “A roupa non só contamina, senón que gasta moitísima auga e explota a moita xente” foron algunhas das conclusións do estudantado.
Na parte final, a contra-publicidade converteuse nunha ferramenta de denuncia e creatividade. O alumnado creou mensaxes alternativas para poñer en dúbida a lóxica do “comprar por comprar” e propoñer hábitos máis responsables. Porque o consumo tamén é unha forma de activismo.