No Obradoiro 4 de EpDLab cruzamos o Atlántico para abrir unha conversa directa entre a mocidade galega e a dominicana. A través de cartas en formato vídeo, falamos en primeira persoa das nosas vidas, soños, medos e esperanzas. Que cousas nos unen? Que realidades vivimos? Como se constrúe o futuro desde lugares tan diferentes e á vez tan conectados?
Este obradoiro está pensado para practicar a educación intercultural desde a experiencia directa, promovendo o coñecemento doutras realidades e, sobre todo, o recoñecemento mutuo. A creación audiovisual permitiunos traballar a expresión, a escoita e a empatía ao tempo que reflexionamos sobre o papel da Cooperación Galega, sobre as desigualdades e sobre o que significa crear alianzas reais entre persoas. Algunhas das achegas do alumnado foron:
“Aprendín que a nosa realidade non é a única”, “As historias en primeira persoa axudan a entender mellor como viven noutros lugares”, “Que non todo é branco e negro porque tamén hai intermedios e que non todos son tan privilexiados coma nós”.
Neste diálogo dixital falamos da nosa vida cotiá, da escola, das redes sociais, da familia, dos soños… sen guións predefinidos, sen paternalismos. Porque cando se trata de xerar unha cultura de paz e respecto, o máis importante é falar entre iguais, sen intermediarios.
Este obradoiro é, ano tras ano, un dos mellor valorados porque a mocidade non só quere aprender, senón tamén conectar cos seus iguais.