No último obradoiro de EpDLab viaxamos, sen saír da aula, ata outro continente. A través das videocartas das rapazas e rapaces de República Dominicana, achegámonos á súa realidade cotiá: como son as súas casas e escolas, que fan no tempo libre, que música lles gusta…

Con Roi conversamos sobre o país e sobre as oportunidades e desafíos que afrontan moitas das persoas novas dominicanas. Foi unha experiencia que nos fixo ampliar a mirada e conectar entre iguais, desde a empatía e a curiosidade.

Para pechar a sesión, gravamos as nosas videocartas de resposta, que chegarán pronto á República Dominicana da man de Agareso. Un intercambio dixital que demostra que, ás veces, unha mensaxe pode viaxar moi lonxe e unir realidades moi diferentes.