No cuarto obradoiro de EpDLab fixemos algo moi especial: cruzamos o Atlántico sen movernos da aula. Si, como o escoitas! Tivemos a oportunidade de falar, cara a cara (a través de vídeos), con rapazada da República Dominicana. Foi coma abrir unha xanela a outra parte do mundo para compartir cousas moi persoais: quen somos, como vivimos, que soñamos e mesmo que medos temos.

Non foi unha clase coma as de sempre. Nesta ocasión fomos nós os que collemos a cámara e puxémonos a contar a nosa vida. E o mellor de todo foi escoitar tamén as súas historias, sen filtros, sen tópicos. Déronnos moito que pensar. Descubrimos que, aínda que vivimos en lugares diferentes, temos moito máis en común do que pensabamos: as ganas de cambiar as cousas, as inquedanzas polo futuro, a importancia da familia ou o papel das redes sociais nas nosas vidas.

Grazas a esta experiencia, aprendemos a ver máis alá do noso día a día. Reflexionamos sobre desigualdades que moitas veces non vemos, sobre como funciona a cooperación e, sobre todo, sobre o valor de falar entre iguais, con respecto e con ganas de entender o outro sen xuízos.

Pasámolo xenial gravando, vendo os vídeos, comentando entre nós… pero, sobre todo, aprendemos a mirar o mundo con outros ollos. Por algo din que este é un dos obradoiros que máis gusta cada ano. E non é para menos.