No terceiro obradoiro de EpDLab mergullámonos no impacto que ten a linguaxe mediática (textual, visual e simbólica) na forma na que entendemos a realidade, especialmente cando falamos de migracións, diversidade cultural ou convivencia. Analizamos como os medios inflúen na percepción social de determinados colectivos e como, moitas veces, reproducen estereotipos e discursos discriminatorios.
Foi unha sesión intensa, na que falamos sobre racismo, xitanofobia, desigualdade e exclusión social, pero tamén da importancia de comunicar con responsabilidade, con empatía e con sentido crítico. As reflexións compartidas polo alumnado dos diferentes centros participantes deixan moi claro que este tipo de espazos son necesarios, e que hai moita gana de falar destas cousas:
“Antes pensaba que os xitanos eran malos, agora sei que non”; “O racismo está en todas partes”; “Aprendín que os prexuízos fan dano e que hai moito máis racismo do que pensaba”; “A prensa tamén pode ser racista”; “Temos que coñecer antes de xulgar” foron algunhas das reflexións do alumnado.
Para rematar, empregamos o humor como ferramenta de denuncia e creatividade: cada grupo elaborou memes contra o racismo e os prexuízos, unha maneira de poñer en práctica o pensamento crítico a través da linguaxe dixital que máis consumen. Os resultados foron tan potentes como irónicos, tan directos como necesarios.