
No segundo obradoiro deste mes de decembro tocounos afondar nun tema que nos fixo pensar moito: os medios de comunicación e as fake news. A verdade é que non nos imaxinabamos canto poder poden ter certas mensaxes e como, sen decatarnos, poden influír no que pensamos de determinadas persoas ou colectivos.
Durante a sesión estivemos analizando noticias reais, tanto de xornais como das redes sociais, e descubrimos que moitas veces se usan prexuízos e mentiras para falar de persoas migrantes, mulleres ou minorías raciais. De primeiras parecía que eran só opinións ou titulares “normais”, pero logo decatámonos de que, detrás deses discursos, hai moita desinformación e incluso odio.
Aprendemos que os bulos e as fake news non son só cousas que circulan por aí sen máis: serven para xustificar a discriminación, a exclusión e mesmo para sementar medo. Vimos vídeos e contidos que xa coñeciamos das redes, e iso axudounos moito a conectar coa realidade. Foi un pouco chocante ver como cousas que nos parecen inofensivas poden ter tanta carga.
O mellor foi que todo isto fíxonos pensar por nós mesmos. Falamos, debatemos e comezamos a ver os medios doutro xeito. Agora sentimos que temos máis ferramentas para cuestionar o que lemos, escoitamos ou vemos, e sobre todo para non tragar con todo sen máis. Foi unha sesión intensa pero moi interesante, e pasámolo xenial aprendendo xuntos e abrindo os ollos a cousas que antes nos pasaban desapercibidas.