Este ano tivemos a sorte de participar no primeiro obradoiro da décima edición de EpDLab (si, xa van dez anos, incrible!). Comezamos cunha actividade colectiva na que cada quen compartiu o que esperaba do proxecto e o que lle gustaría aprender. Así, entre todas e todos, fomos dando forma ás nosas ideas arredor dun tema que nos tocou moito: a educación como un dereito para todo o mundo.

Durante a sesión fixemos un montón de cousas que nos fixeron pensar: desde dinámicas en grupo ata mapas que amosaban como non todo o mundo ten o mesmo acceso á educación. Tamén vimos datos sobre desigualdade e falamos moito sobre como a educación pode cambiar a vida das persoas e facer o mundo máis xusto. Descubrimos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coñecemos historias impresionantes de mulleres que loitaron para que todas puidesen estudar. Iso impactounos moito.

Ao final da sesión, tíñamos claro que aprenderamos cousas importantes. Dicíamos frases como “a educación é un dereito fundamental” ou “non todo o mundo ten as mesmas oportunidades”. Houbo quen dixo: “pensaba que todas as mulleres sempre puideron estudar, e agora vexo que non foi así”. Tamén reflexionamos sobre a igualdade e como aínda queda moito por facer, pero que podemos contribuír a mellorar as cousas.

E para rematar, fixemos algo moi guai: transformamos todo o que aprendemos nunha actividade creativa. Sacamos fotos con frases e mensaxes que recollían as nosas conclusións, usando a app Phonto. Pasámolo xenial e foi unha maneira moi divertida de expresar o que sentimos e pensamos. A verdade é que foi un comezo perfecto para o proxecto: aprendemos, reflexionamos e, ademais, desfrutamos moitísimo. Estamos con ganas de seguir!