Onte rematamos o traballo nas aulas nesta 9ª edición de EpDLab. A última actividade, como todos os anos, enfocámola na cooperación o voluntariado e o activismo. Arrincamos repasando o traballo feito ao longo destes meses con EpDLab. Este exercicio permítenos avaliar a actividade ao tempo que reforzar as aprendizaxes. Resulta moi interesante ver como hai contidos, metodoloxías e/ou materiais que quedan gravados nas súas cabezas. Loxicamente, tamén hai outros que non o fan e de hai tiramos aprendizaxes nós para o curso que vén. Rematamos esta primeira parte anotando, nun papel ou nun mural dixital, unha cambio individual que tiveran tras pasar polo proxecto. En xeral todas as respostas foron moi positiva e suliñan “un mellor coñecemento” do mundo e da súa realidade como o máis destacado. Tamén hai quen, a maiores, destaca que lle gustaría facer algo para mellorar a realidade.
Aí e onde comezamos o segundo bloque da sesión: no salto do individual ao colectivo, na importancia de unirse, asociarse e cooperar para lograr as nosas metas de cambio social. Neste apartado teñen que crear unha asociación ou colectivo e definir os seus obxectivos e accións prioritarias. Cando as comparten, aproveitamos para darlles exemplos e ideas coas que colaborar: ONGDs galegas, voluntariado local e internacional, etc. Queremos aproveitar a enerxía que teñen para animalos a actuar, a intentar cambiar as cousas. Somos conscientes de que non todo o mundo o fará pero, polo menos, temos ben certo que máis dunha persoa comezou en EpDlab o seu camiño para construír un mundo mellor.