Arrincou o EpDLab nas aulas por novena vez. Esta primeira actividade serviu para tomarlle o pulso aos diferentes grupos e tamén para falar de educación. En particular, do dereito á educación vencellando este dereito cos ODS. A idea deste primeiro obradoiro tamén é a de ligar o particular, a realidade de cada unha das aulas do proxecto, co global, as diferentes realidades que a infancia e a adolescencia vive arredor do mundo.

Para isto fixemos, en primeiro lugar, unha cartografía da escola que lles gustaría e tamén das aprendizaxes que tiraron ata día de hoxe. Como o ano anterior, xurdiron respostas ben maduras coma esta dun grupo de 1º de ESO sobre que materia que non existe, debería existir e ser obrigatoria: “unha materia na que teñamos que falar da educación, do respecto e da igualdade. O nome vai ser: todos xuntos”. Ou á pregunta sobre que habilidades deberíamos aprender na escola: “ganas de luchar por tus sueños”. En canto ao máis importante que aprenderon ata o de agora, a resposta maioritaria é a “socializar”. Non está mal, non?

Na sesión tamén afondamos no que supón non ter dereito á educación, en como afecta a vulneración deste dereito ás oportunidades futuras e como, maioritariamente, son as nenas quen menos acceso á educación teñen a nivel global. Para isto servímonos das historias de diferentes activistas das que Malala Yousafai segue a ser coa que máis conectan. Quizais, o resumo breve da sesión podería ser esta resposta do IES de Silleda quen ao enunciado “dúas cousas que aprendín hoxe” contestou: “Importancia da educación e o privilexio de poder ter acceso a ela. A realidade de pobreza e o impacto de ver dous mundos xuntos pero moi distintos”.