Debo confesar que unha vez chega o derradeiro obradoiro de cada curso, sinto un certo alivio, xa vexo o verán e a praia aló no horizonte. Pero tamén sinto certa sensación de mágoa. EpDLab son apenas 6 sesión ao longo do curso pero cos grupos sempre se establece un vínculo. Ao seren unha actividade non ligada a unha materia e na que non poñemos nota, sempre xogamos con vantaxe en relación co profesorado e cada ano temos momento bonitos, sobre todo cando chegan as reflexións finais. Habitualmente, esta última sesión serve, en gran medida para iso. Para aterrar as aprendizaxes. Do conxunto de reflexións, algunhas das que saíron foron estas:

O que máis me gustou de EpLab:

  • As nosas reflexións sobre as cousas que falamos.
  • Gústoume o obxectivo 17 que é facer as cousas en equipo.
  • Que hai xente que pode cambiar o mundo
  • Que vamos poder cambiar as cousas
  • Que falásemos sobre a igualdade en diferentes tipos.
  • Todo. Non daría elixido unha cousa porque todos os momentos foron únicos, inigualables e xeniais.
  • Aprender como viven otras personas con menos suerte, mejor dicho, con menos oportunidades.
  • Todo, todo me pareceu moi interesante, divertido e importante.
  • Aprender, convivir entre compañeiros mediante grupos e coñecer xente nova.

E unha morea máis de reflexións que nos deixan con bo sabor de boca. Sendo conscientes do limitado da nosa acción pero tamén conscientes do impacto que ten. De aí a sensación de perda, de teren máis tempo, poderiamos afondar e tirar destes intereses que agromaron. Pero isto xa non o imos facer nós, esta semente ten que medrar pola súa conta e temos a certeza de que o vai facer. Non sabemos o cuantitativo pero o cualitativo, témolo ben certo. E isto é o que nos motiva a proseguir o curso que vén con outros grupos, para continuar potenciando o cambio dende as aulas porque se algo ten de relevante o ensino e a capacidade de cambio porque, se algo é o ensino, é cambio.