– Cantos litros de auga se precisas para facer uns vaqueiros?

– 30? 50?

– Máis.

– 300!? 1000!?

-Máis.

– Pero cantos??

– 7500 litros

– Como? Non pode ser!

Este diálogo, cifra arriba ou abaixo, tivémolo en todas as aulas ao facer o obradoiro 5 sobre consumo responsable. É que, segundo un informe de Nacións Unidas, o ciclo produtivo completo para a fabricación duns vaqueiros ten ese custe para o planeta. As cifras poden variar segundo o informe pero todas elas se sitúan nunha marxe de miles de litros. Que o noso estilo de vida non é sustentable, sabémolo, pero non sempre somos conscientes. Disto vai a sesión, de ver o impacto da nosa forma de vida no planeta e de pensar alternativas dende o colectivo. Porque está claro que as pequenas accións contan, pero a mirada ten que estar no sistema: na deslocalización, no consumo, na publicidade. En definitiva, en xerar unha actitude crítica cara o modelo que sustenta un mundo desigual. Isto que parece, unha vez máis, demasiado abstracto, conecta coa rapazada con exercicios como o do inicio do vaqueiros ou o de calcular a súa pegada ecolóxica, Pero conecta, sobre todo, porque esta xeración ten unha clara preocupación polo medio ambiente e temos que aproveitala. Esa enerxía que teñen hai que levala cara accións, cara un activismo consciente que dende o local traballe para coidar o global: o planeta.