Videocartas, a actividade máis valorada cada ano polo alumnado (xunto co encontro intercentros) tivo lugar xusto antes de Semana Santa e de novo, encantoulles. Sendo a que posiblemente menos traballo levou de preparar, a nivel pedagóxico ou metodolóxico, é unha actividade da que gozan e coa que conectan e aprenden moito. Tamén, da que saíron nos exit ticket respostas como estas:
- Antes pensaba e agora penso: “Que ser pobre era non ter diñeiro pero agora sei que é non ter estudos”.
- O obradoiro de hoxe resumido nunha frase: “”Grazas a esta sesión aprendín que non todos temos as mesmas oportunidades e os que as temos debemos aproveitalas”.
- Dúas cousas que aprendín hoxe: “Son moi privilexiada de nacer aquí e que se necesita máis coñecemento doutros
países distintos. Sinto que non se fala suficiente destes temas” ou “Aprendín que hai que loitar polos nosos dereitos para non perdelos. Aprendín que podo loitar polos meus dereitos”.
Pouco máis queda que dicir lendo estas reflexións, tan só que temos que aprender, as persoas que somos docentes, a importancia da aprendizaxe social e significativa. A importancia de buscar as fendas que nos permitan levar contidos abstractos como: dereitos, oportunidades, privilexio, etc. ao centro de interese do alumnado. Polo menos, neste caso, conseguímolo coas imaxes, cos vídeos e coas cartas que rachan coas barreiras e crean comunicación interpersoal paradoxicamente, a través das pantallas.