Comezamos o 2023 realizando o terceiro obradoiro nos diferentes IES que participan en EpDLab. Esta actividade leva con nós xa case 8 anos. Se ben é certo que fixemos adaptacións, é unha sesión que dende o primeiro ano funcionou moi ben, xa que traballa un aspecto básico como é a empatía.
A actividade comeza provocando, con un vídeo no que unha persoa define de maneira “peyorativa” a outra a partires do xentilicio “galego”. Ao alumnado resúltalle moi sinxelo identificarse e sentirse apelado ao veren o vídeo. A partir deste momento, pasamos do particular ao xeral e falamos de persoas migrantes, do tratamento informativo e de como a linguaxe coa que nos referimos as persoas migrante non é neutral.
Nun segundo bloque desta sesión falamos doutro colectivo co que convivimos pero que está invisibilizado ou, no peor dos casos, discriminado, falamos das persoas xitanas. Neste apartado adoitan conectar bastante coa actividade e amosan interese por saber máis. Ao traballaren con grupos de 1º e 2º de ESO maioritariamente este curso, foi interesante ver como descoñecían os prexuízos existentes cara este colectivo. Unha reflexión sería saber a que idades comezamos a desenvolver prexuízos cara outras culturas xa que de natural, non están aí. Tamén amosaron varios grupos interese por saber quen eran as persoas xitanas, de onde viñan, etc. Un interese que as escolas deberían aproveitar (algunhas xa o fan) para traballar contidos e fomentar a convivencia. Nós ,pola nosa parte, rematamos a sesión con memes contra o racismo nos que, un ano máis, o alumnado demostrou moita imaxinación.