Terceiro obradoiro do EpDLab no IES Praia Barraña e desta vez Roi veu falarnos do tratamento en medios e redes de temas como a migración. Unha simple imaxe acompañando unha noticia, dependendo de cómo se faga e a quen, pode modificar a nosa percepción da información. O mesmo ocorre coa redacción do texto: a elección do vocabulario provoca un determinado resultado nas nosas conciencias.

Reflexionamos sobre a migración, sobre como percibimos a aqueles que nos presentan como alleos ou distintos. Poden ser as persoas ilegais? Producíronse migracións nas nosas familias? Son algunhas das preguntas que nos fixeron reflexionar. A utilización confusa e tendenciosa da lingua, dos verbos ser e estar, tamén nos fixo reflexionar sobre a construción do discurso de odio que pobla en moitas ocasións os medios de comunicación e as redes.

Para rematar a sesión, o alumnado elaborou memes contra o racismo, para espallalos polas redes e facer fronte a ese discurso de odio que se estende sen que apenas nos deamos de conta.