No mes de decembro realizamos a actividade sobre bulos e discurso de odio. Esta ven repetíndose, con adaptacións e actualizacións de contidos, dende a primeira edición de EpDLab. Un dos obxectivos do ensino obrigatorio é o de fomentar a análise crítica entre a mocidade, o que tamén implica desenvolver a capacidade de lectura nas diferentes linguaxes: escrita, imaxe, audiovisual… É unha actividade que adoita funcionar moi ben e este ano tamén foi así. Comezamos con un pequeno xogo que sirve de enganche para o resto da actividade. Neste xogo deben adiviñar, entre 4 noticias, cales son verdadeiras e cales falsas. Darlles as respostas sirve para falarlles dos elementos que fan que unha noticia pase por verdadeira aínda que non o sexa. Introducimos neste punto os prexuízos como factor importante para que eses bulos se dean por verdadeiros.

Isto sirve para dar paso ao seguinte bloque no que falamos de discurso de odio. As noticias que analizamos non eran importantes, pero que pasa cando non son unha broma senón que teñen unha intención ideolóxica? Analizamos imaxes, tweets, discursos de políticos, programas de TV,… para ver como estes bulos, non só non se desminten, senón que as veces son aproveitados para deslexitimar ideas ou directamente xerar odio cara un colectivo. Tomamos como exemplos os bulos arredor das supostas denuncias falsas por parte de mulleres en casos de violencia machista ou aos, en  teoría, millóns de migrantes que chegan ás costas do Estado. Desmentindo estes bulos falamos de estratexias como a do “elefante rosa” ou o “marco de referencia”. O alumnado interesouse moito nestes  bloques e amosáronse sorprendidos ao contrastar declaracións de políticos cos datos reais. Para terminar fixeron prácticas de dobraxe coa app Madlipz, que serviron para reflexionar sobre o traballado e pasar un bó rato. Por último, algunhas das conclusións que tiraron da actividade son as seguintes:

Dúas Cousas que Aprendín Hoxe

  • Que non todas as noticias son verdadeira e máis cousas sobre a igualdade de xénero
  • A diferenciar entre noticias falsas e verdadeiras
  • Exemplos que persoas que loitan por un mundo mellor
  • Hai que informarse mellor antes de dar por válidas noticias fake

Antes pensaba e agora penso

  • Antes pensaba que todo o que aparecía na prensa era verdade e agora penso que hai cousas que non hai que crelas

O obradoiro de hoxe resumido nunha frase

  • Útil
  • Moi interesante e con moita información
  • Divertido 🙂