A semana pasada tivemos o último obradoiro de EpDLab deste curso. Un ano máis, esta sesión serviu para poñer en valor as aprendizaxes tiradas ao longo do ano e tamén, como non, para falar de activismo e voluntariado. Cremos que a reflexión e a mirada crítica son importantes pero tanto ou máis importante é que esta reflexión nos leve a acción. Falamos de como o local e o global están conectados a de importancia dos pequenos cambios xa que estes son xeradores de grandes cambios. Se non pensaramos isto, non fariamos EpDLab!

Facendo balance, un ano máis a mocidade amosounos a súa capacidade para ser consciente e solidaria co mundo no que viven. Este ano foi a 7ª edición do proxecto e, loxicamente, vemos unha evolución entre o alumnado que ten unha maior competencia mediática e ten superados, en gran medida, certos prexuízos por exemplo no tocante ao xéreno ou a orientación sexual. Tamén, aínda que mínimo, hai unha presenza de discurso de odio como algo alternativo e, polo tanto, atractivo. Cómpre confrontar esta linguaxe dende as aulas, os medios e a sociedade.

Ese vai ser o noso obxectivo para o curso que vén: chegar a máis número de persoas e integrar en maior medida á sociedade ou ás universidades. Seguir traballando na aula pero coa mirada na nosa realidade cotiá porque a educación está a suceder en calquera lugar e calquera lugar é bo para incidir nunha mirada máis tolerante e crítica na sociedade.