O mes de abril tivemos o obradoiro de “Contrapublicidade e Consumo Responsable”. Como en actividades anteriores, comezamos preguntando se coñecían estes dous conceptos ao que, maioritariamente, contestaron que non. Comezamos, logo, a explicar que pode ser o consumo responsable e como podemos introducilo no noso día a día. O primeiro paso é ser conscientes do impacto que ten a noso modo de vida individual no planeta. Para iso recorremos a unha calculadora de pegada ecolóxica. Este primeiro exercicio sorprendeu moito ao alumnado que non contaban por precisar 3, 4, ata 7 planetas para manter o seu estilo de vida!
Pero, por que sae este número? Enlazamos entón coa industria téxtil e agroalimentaria. Coa primeira, pedímoslles que buscaran onde foran fabricadas as prendas de roupa que levaban postas ese día. Desta maneira, viaxamos a: Vietnam, Camboia, Bangladesh, Indonesia… Explicamos un pouco o modelo de deslocalización industrial e o impacto que ten. Tamén, loxicamente, as razón detrás deste proceso.
Xa mediada a sesión falamos de publicidade, dalgunhas das súas estratexias e do que se agocha detrás dalgunhas das grandes marcas de comida. Un ano máis, foi imprescindible a ferramenta de Tras la Marca de Oxfam. Vimos tamén un exemplo de contrapublicidade de Greenpeace e falamos, falamos moito, como sempre. Ao rematar pensamos que tiñan máis clara a relación entre consumo, grandes empresas e medio ambiente. A relación entre un modelo económico no que non sempre priman a xustiza social e as accións que, a nivel individual, podemos levar a cabo. Para rematar: contrapublicidade. Anuncios nos que con creatividade denuncian as malas praxes de certas empresas.