Este mes tivemos o obradoiro de videocartas nos diferentes IES de Galicia. A actividade sempre esperta interese entre o alumnado. É curioso porque estando tan acostumados como están a ver vídeos de diferentes lugares e persoas segue a chamarlles a atención un formato que podería pensarse “antigo” pola falta de inmediatez. Tal vez funcione por iso de pararse a ver e a escoitar. Efectivamente, consumimos moitas imaxes pero na maioría dos casos sen pararnos realmente a velas. Neste obradoiro, o alumnado ten tempo de pararse a ver e a escoitar e tal vez por iso se fixan en detalles: por que algúns nenos van descalzos? As casas de Cooperación Galega, como se reparten? O campo de Baseball mola! Preguntas que dan para xerar un espazo de conversa sobre a realidade da mocidade nun contexto social desfavorecido, para valorar o que temos e cuestionar a orixe destas desigualdades.

Un ano máis, a gran pregunta ao rematar era: pero van contestar? Agardamos que si e que poidamos ver as videocartas dende o Batey antes de rematar o curso.