Chegado o o mes de decembro tocou a segunda sesión de EpDLab. Desta vez abordamos as noticias falas ou fake news. Que por seren, son tan antigas como a sociedade mesma e non precisan das redes sociais para transmitirse, habitualmente somos as persoas as que as espallamos e os medios (TV, prensa, radio…) un dos ambientes onde se reforzan e difunden. Comezamos, polo tanto, desmentindo o bulo de que as noticias falsas aparecen xunto coas redes sociais na actualidade.

O que si que teñen en común todas estas desinformacións ao longo da historia é a intencionalidade. Non acontecen por azar, non son casualidades. Habitualmente os bulos empregáronse como unha estratexia máis de propaganda, para deformar unha realidade e moldear correntes de opinión nunha direción ou outra. Dende que os medios de comunicación de masas existen, xa non é so por poder ou ideoloxía senón que tamén por causas económicas. Os medios son grandes grupos de empresarias con intereses alén da información.

Ao longo desta sesión procuramos falar disto para introducir unha mirada crítica no alumnado: gran parte das nosas ideas e prexuízos están mediados, non son por aprehensión directa da realidade senón a través dos diferentes relatos. Por iso é tan importante recoñecer a subxectividade das mensaxes e a súa intencionalidade. Aportar ferramentas para ler as imaxes e cuestionar a nosa mirada. Ao tempo, introducimos ao final da sesión o concepto de discurso de odio xa que este canalízase a través de noticias falsas que alimentan prexuízos e estereotipos. Dúas palabras as que lles seguiremos dando voltas na vindeira sesión.