Este mes arrincamos unha nova edición de EpDLab. Coas mesmas ganas de sempre sobre todo coa vontade de retomar a presencialidade nas actividades de forma continuada. As aprendizaxes e os traballo feito o ano anterior para desenvolver unha aula virtual servirán para darlle novos pulos ao proxecto abríndoo a outros centros educativos.

Pero nestes meses de outubro e novembro tocaba volver á aula. Neste caso a temática a traballar era a igualdade e o rexeitamento ás violencias machistas. O equipo levamos unha sorpresa ao ver os resultados das enquisas previas nos que tan só 9 de 98 estudantes cren que onde viven si que hai violencia machista. Isto debe levarnos a unha reflexión: despois de anos de programas educativos, actividades e charlas parece que o alumnado está anestesiado cara estas violencias. Pode ser tamén que non entendan que son estas violencias ou que pensen que é cousa doutras persoas. Que estamos facendo mal?

Temos claro que as xeracións actuais son mellores, en termos xerais, as pasadas: hai maior conciencia do que son o machismo ou o feminismo, maior implicación por parte da comunidade educativa, unha representación máis igualitaria nos contidos curriculares e unha conciencia de que homes e mulleres deben ter as mesmas oportunidades de dereito. Pero temos tamén a sensación de que estamos nun punto de estancamento. O alumnado, en xeral. rexeita as actitudes sexistas e de control pero pola contra, asume que os problemas derivados do machismo xa non existen, están superados.

As claves para seguir avanzando non as temos, xa nos gustaría! Pero cremos que pasan por abordar a temática doutro xeito, poñernos no lugar do que pensan e por que o pensan para entendelo, non para xulgalo. E dende aí traballar. Non repetir conceptos senón afondar nos que lles interesa. Hoxe saín dunha sesión onde houbo moitísimo debate arredor da representación das mulleres en medios. Case todo viña porque sentían que non hai tal discriminación xa que “cobran por elo”, “o fan porque queren”, “tamén hai videoclips nos que saen homes con pouca roupa”. Hai que escoitar este argumentos, respectalo e rebatelos para fomentar unha mirada más crítica. Hai que reformular as actividades nas que falamos de igualdade e para iso temos que escoitar e buscar como conectar. Avanzaron xa moitos pasos así que compre non miralos dende un plano de superioridade moral senón que engadir complexidade ás ideas que xa desenvolveron pola súa conta. Hai que visibilizar as violencias invisibles e para iso temos que cambiar a forma de verbalizalas.

PD. Unha vez realizada a actividade, nunha nova enquisa, saían que 39 estudantes recoñecían as violencias machistas onde vivían. Imos avanzando, con esforzo e escoita.