Un ano máis e unha edición máis que remata para EpdLab. Desta vez, nunha versión reformulada por mor da Covid e na que conseguimos entre os centros, o equipo técnico de Agareso e sobre todo, a rapazada dos 5 IES participantes, sacar adiante unha actividade de educación para a cidadanía global mediante o uso das narrativas dixitais, que non é pouco. Cada ano, gústanos dedicar as dúas últimas sesións (desta vez só unha en modo virtual) para motivar ao cambio, intentar construír activismo dende a aula e avaliar as aprendizaxes compartidas ao longo do curso.

Por iso, empezamos facendo un repaso xeral do curso xa que, as veces, ao chegar ao final dun camiño non somos conscientes de todo o que percorremos. Nesta primeira actividade de repaso pasamos por varias das actividades realizadas co fin de refrescar as aprendizaxes. Esta primeira parte, remataba con un mural de aprendizaxes no que tiñan que apuntar que aprenderan en EpdLab. De novos, as súas respostas serven para darlle sentido a este tipo de accións no ensino público:

“a evitar expresións racistas, a explicar que é a desigualdade, a respetar a os demais, a poñerse no lugar dos demais, e aceptar a todo o mundo sen importar a raza, color, sexo ou relixion :), A darse conta de que non en todos os paises ou cidades teñen as mesmas oportunidades que nos :), A pensar o que os nosos actos fan sobre os demais :), Que o racismo e o sexismo son problemas reais, que aínda se dan hoxe en día, e que moitas veces aceptamos como algo normal inconscientemente, Aprendín a poñerme na pel de outras persoas ;)”

Estas son só algunhas das súas respostas, podedes consultalas todas neste mural de Padlet. En xeral, ano tras ano saen respostas que nos falan de que hai unha mocidade sensibilizada e de que dende as escolas e as ONGs pódense crear espazos de reflexión. Pero como a reflexión ten sentido se nos leva á acción, a última parte da sesión adicámola a falar de activismo e voluntariado. Propuxemos ONGs coas que poden colaborar e aportamos as testemuñas de docentes que fixeron voluntariado e que falaban do moito que lles aportou a experiencia. Para rematar, tiñan que empregar TikTok e facer vídeos que inviten ao voluntariado e a colaborar coas ONGs.