Unha vez máis, esta é unha das sesións que máis nos gusta desenvolver no proxecto EpDLab. Malia que falar do impacto global que teñen as nosas accións de consumo parece un tema demasiado complexo para abordar co alumnado de 2º da ESO, a realidade revela que lles é moito máis próximo do que imaxinamos.

Analizamos a linguaxe publicitaria e o mercado da alimentación a nivel mundial; dende aí, falamos de consumo responsable e de xustiza social (gran parte do alumnado entende que o consumo responsable é “consumir cousas saudables”, logo levan unha gran sorpresa cando descobren que vai máis aló) Este curso 2020-21 cada alumna ou alumno ten o seu ordenador para traballar, algo que nos permitiu achegarlles as ligazóns de varias ferramentas para analizar o impacto do noso consumo individual no resto do planeta (estas ferramentas poden consultarse na aula virtual do proxecto). Nos anos anteriores, ao non teren ordenadores, nós proxectabamos dende o ordenador principal da docente e experimentabamos coa ferramenta; este ano, o alumnado puido dedicar uns minutos a investigar segundo a súa propia experiencia e os seus intereses.

Como sempre, unha chea de carteis de contrapublicidade cheos de creatividade e de denuncia: por un consumo xusto, sustentable e que garanta os dereitos humanos en todo o mundo.