Chegou o momento do noso hackathon. Ao igual que o pasado curso, este ano celebramos este encontro intercentros na nosa aula virtual, por mor das restricións sanitarias. Xuntámonos 118 persoas, entre alumnado e profesorado, máis o persoal técnico de Agareso. O fío da sesión viña marcado polas actividades xa deseñadas e publicadas na aula, onde tamén tiñamos o acceso á videochamada e chat para a conversa en directo.

Nesta ocasión, o tema central era o discurso de odio e as actitudes contrarias á diversidade; para isto, fixemos un resumo dos contidos e ferramentas traballados nos anteriores obradoiros, para despois comezar co traballo específico da xornada: a elaboración de produtos audiovisuais para unha campaña de comunicación.

O resultado foi un slogan construído en colectivo: “só nós podemos cambiar o futuro”, nunha campaña dirixida principalmente a un público adolescente, co obxectivo de denunciar os estereotipos e de reivindicar os mesmos dereitos para todas as persoas. Esta campaña foi deseñada paso a paso polo alumnado participante, mediante ferramentas interactiva de traballo en liña e grupos pequenos de traballo vía videochamada.

 

 

 

 

 

 

Aínda que ao principio da sesión parecía moi difícil chegar a este punto, ao final demostraron que son capaces de facer todo o que se propoñan. Nun primeiro momento, o alumnado non paraba de falar e de bromear no chat, e parecía que non prestaba atención aos contidos (velaí os memes que nos dedicaron ao rematarmos a sesión), pero cando foron divididos en grupos pequenos, traballaron con bo xeito. Compartimos aquí abaixo os resultados do proceso de creación da campaña; podedes ver os produtos audiovisuais realizados polo alumnado nesta ligazón.