Este mes de marzo chegou a “actividade estrela” deste proxecto xa que, ano tras ano, esta actividade é unha das que mellor valoración ten por parte do alumnado. A nivel de preparación, no formato presencial (pre Covid), era das máis sinxelas, xa que consiste en falar da realidade de mozas e mozos como os de EpdLab que viven nun Batey, un barrio de persoas descendentes de haitianos en República Dominicana. Aínda que máis que falar, trátase de ver e escoitar, xa que para esta sesión contamos con unha serie de vídeos realizados por estes rapaces para a mocidade de Galicia.
O ano pasado, tivemos o reto de trsaladar esta sesión a formato en liña e conseguimos salvar a dificultade bastante ben. Artellamos un percorrido virtual polo Batey no que o alumnado galego pode escoller que vídeos quere ver ou en que orde e así pode escoller o seu percorrido polo barrio. A maiores, nos vídeos intégranse preguntas relacionadas co que din e que serven para ampliar información e tratar de que conecten mellor co que están vendo. Aínda que esa conexión lograse dende o primeiro segundo: o feito de que sexan rapazas e rapaces coma eles os que falen a cámara é un medio ideal para que se acheguen a unha realidade allea pero ao mesmo tempo achegada a súa e de iso e do que trata esta sesión. Queremos destacar as desigualdades no acceso a servizos básicos entre os países do Norte e do Sur pero, ao mesmo tempo, salientar como por riba te todo as persoa somos moi parecidas. Tratouse, unha vez máis, de conectar estas dúas realidades a través dun intercambio de videocartas e cremos que de novo, conseguiuse.