Nesta sesión 3 afondamos na reflexión arredor dos prexuízos e do tratamento informativo ás minorías culturais. Este ano, tivemos que facer unha adaptación da sesión e xuntar o que antes eran dous obradoiros nunha mesma actividade. Tivemos tamén que adaptar algunhas dinámicas por mor da Covid. Aínda así, a actividade funcionou bastante ben. É un tema que lles resulta achegado e co que conectan con facilidade. Para iso, empregamos ao principio da sesión un vídeo no que unha señora reflicte nunha entrevista os seus prexuízos cara as persoas galegas. Este vídeo, servenos para empezar a falar das emocións xa que a empatía e outro dos elementos clave deste obradoiro.

Pasamos despois ao segundo gran bloque no que falamos de inmigración e tratamento informativo. Falamos de como os medios, moitas veces, etiquetan as persoas doutros países sinalándoas con etiquetas e prexuízos. É un traballo que comezamos as sesión anterior falando de noticias falsas e que pechamos nesta falando de sensacionalismo e criminalización.

De aí, pasamos ao terceiro bloque no que nos centramos nun colectivo concreto como son as persoas xitanas. Facémolo a través dun exercicio no que, sen saber de quen falamos ou de que tipo de persoas, dámoslles frases ou situacións polas que pasaron persas xitanas, e deben apuntar como se sentirían se lles pasara a eles mesmos. Este foi un dos resultados:

 

Despois, puxémoslles a varias persoas xitanas no seu posto de traballo e debían apuntar que adxectivos lles suxerían:

 

Unha vez rematado, descubrimos de quen falaban e preguntamos se eran adxectivos que escoitaran habitualmente referidos ás persoas xitanas e como se sentirían se lles trataran desa maneira. Saíron reflexións moi interesante, especialmente nun grupo onde unha rapaza levantou a man para dar as grazas por falar disto, xa que ela é xitana e nin ela nin a súa familia cumpren co estereotipo negativo que hai. Foi un momento moi bonito xa que explicou moi ben como se sentía, que cousas lle pasaban por ser xitana mentres toda a clase escoitaba con atención. Foi un momento nos que aprendemos por que este proxecto paga a pena.

Para rematar, o alumnado fixo memes contra o racismo entre os que, coma sempre, hai algúns on moita retranca.