O segundo obradoiro de Epdlab 20-21 acabou xusto antes de Nadal. Nel falamos de noticias falsas e de como estas poden traducirse en discurso de odio. Con respecto ás noticias falsas, teñen moi claro que existen, así que na primeira parte da sesión traballamos para reforzar as súas habilidades para detectalas. Non é unha tarefa fácil, pero si que é importante que saiban que están máis expostos do que pensan a elas e que desenvolvan algunhas ferramentas para a lectura crítica de textos e imaxes.

En canto ao discurso de odio, é un concepto máis complexo de explicar, pero vemos que cada ano o alumnado fai reflexións máis acaidas en torno a estes conceptos e ten unha mirada más precisa da realidade que os rodea. Fixmeos un pequeno exercicio con unha fotografía que se compartiu nos medios e xerou moitas respostas discriminatorias cas ás persoas musulmás. É un exemplo moi evidente de discurso de odio e sérvenos como punto de partida.

Despois, fixemos un pequeno xogo no que tiñan varias rumores referentes as persoas migrantes: “róubannos o traballo”, “a maioría son delincuentes”, etc. ideas, moitas delas, estendidas entre a opinión pública. Propuxémoslles que as confrontaran con datos estatísticos de fontes como os diferentes Ministerios, Eurostat ou ACNUR e que comprobarana canto tiñan de realidade ou de bulo. Para esta parte, apoiámonos unha vez máis nos excelentes materiais elaborados pola Red Acoge que se poden descargar dende esta web https://stoprumores.com/. Unha vez feito este exercicio, debían escoller un destes rumores e desmentilo gravando un breve vídeo.

Toda a sesión desenvolveuse a distancia a través da aula virtual do proxecto. Os contidos estaban presentados como pequenas actividades acompañadas de breves vídeos explicativos. A idea inicial era que formadores de Agareso acompañaran vía videoconferencia, pero isto non foi posible en ningún dos centros por diferentes cuestións técnicas. Desta maneira, a opción que xa tiñamos prevista de que puideran facer a actividade pola súa conta foi, finalmente, a que se realizou cun resultado bastante positivo.