Este foi un curso estraño para todos e todas nós, as portas dos nosos centros pecharon na metade do mes de marzo e as aulas non volverán a estar vivas ata o próximo mes de setembro.

Como todos e todas sabedes, o EpdLab non pechou as súas portas, senón que abriu unha fiestra dixital que permitiu continuar o desenvolvemento do proxecto e permitiu que os e as que formabamos parte del puidésemos seguir aprendendo, reflexionando, consumindo contidos dixitais que nos permitisen  crecer e aprender, e creando os nosos propios para loitar contra todo o que queremos cambiar deste mundo en que vivimos.

No IES do Milladoiro a fiestra dixital non funcionou, e non foi por falta de interese ou traballo de ninguén. Quizais o que nos veu demostrar este periodo de confinamento, de ensino dixital e a distancia, é que non todos e todas estamos preparados para un sistema así, e que un sistema no que non nos vemos en persoa, non nos podemos animar, rir, enfadar, dar pulo, mirándonos á cara, non atende ao 100% do noso alumnado.

Tamén nos fixo reflexionar sobre que quizáis o alumnado non é tan “nativo dixital” como os medios e a sociedade en xeral pensa, e que tamén o profesorado ten que seguir aprendendo sobre novas tecnoloxías, porque é moi difícil motivar e acompañar na distancia, e os que nos adicamos a isto sabemos que esa é unha parte máis importante aínda que a transmisión de contidos.

Algo se falou nestes meses da porcentaxe de alumnado que se quedou “descolgada” do sistema educativo por falta de medios ou de competencia dixital. Non o suficiente.

De todos xeitos, no Milladoiro aprendemos unha chea de cousas con Roi e María este ano, que logo seguimos traballando na nosa aula, e iso quédanos aí. Habemos seguir a esforzarnos por aprender, pero a nós unha pantalla non nos chega, necesitamos que a “profe” nos “pinche” todos os días, que nos felicite e se enfade con nós cando non nos esforzamos o que podemos. E para iso necesitamos a nosa mesa, a nosa cadeira, a nosa aula. As tecnoloxías acompañan, complementan, axudan, fan máis divertida a aprendizaxe, pero o esencial son as persoas, os profesores e profesoras, os alumnos e alumnas.

O próximo curso, máis e mellor, estamos seguros.