Chegamos ao final do curso, momento de avaliar antes de desfrutar das vacacións e de comezar unha nova etapa en setembro. Neste peche do curso en 2020, aínda non podemos xuntarnos presenciamente, logo facemos esta revisión de forma online.

Arrincamos con varias actividades que nos axudan a lembrar que fixemos dende o comezo desta edición do EpDLab: repasamos algúns traballos feitos polo alumnado, e dende aí, imos lembrando os contidos e os coñecementos adquiridos. Neste percorrido, volvemos falar de roles e de discriminación, de prexuízos, racismo e discurso de odio, e de reparto desigual de recursos e oportunidades no mundo.

Para rematar, traballamos no mural común de coñecementos. Este ano non puidemos botalo ao chan e escribir ou debuxar a evolución da nosa aprendizaxe, para despois colgar este mural nalgunha parede do centro. Este ano usamos unha ferramenta dixital para esta actividade e, como todo ten un lado malo e un lado bo, isto permitiunos crear un mural compartido por todos os centros. Nel podemos ver algunhas das aprendizaxes máis relevantes do alumnado, divididas en dúas columnas: coñecementos e habilidades. Aínda que é moi difícil seleccionar entre as achegas que hai neste muro, resúltanos moi gratificante saber que non é unha aprendizaxe aillada, senón que aprenderon “a facer moitas cousas, pero sobre todo, a utilizar diversas aplicacións, que me sirviron para outras materias, como Canva en inglés. Gustoume moito, xa que aprendín de moitas máis aplicación, como MadLipz, etc.”

Un dos nosos principais obxectivos é promover o pensamento crítico cara ás mensaxes mediáticas, recoñecendo o valor da representación de colectivos sociais no relato informativo. Cremos que é un obxectivo acadado, cando lemos no mural que “a sociedade está inxustamente enfocada cara os máis poderosos, e que os medios están sempre intentando meternos ideas erróneas sobre outros pobos para fomentar o odio cara eles”, pero ao mesmo tempo sabemos que podemos confiar nun futuro mellor máis aló dun discurso derrotista ou conformista: “aprendín cousas sobre as desigualdades que hai no mundo e como poder axudar a paralas”, “as marcas non son o que parecen por fora e que poden estar facendo moito dano a persoas ou ao medio ambiente, logo tamén a prendin que hai moitas ONG cas que colaborar”, ou “soy consciente de la importancia del consumo responsable y de toda la desigualdad en los distintos países”.

Como conclusión xeral, a educación polo cambio social sirve para formar unha cidadanía “máis consciente co que pasa no día a día de outras persoas con menos dereitos, aprendín que non todos temos os mesmos recursos, aprendín a diferenciar os bulos e sobre todo a ser mellor persoa”, ao tempo que asume un rol activo no activismo pola xustiza social: “sempre me gustou explicarlle a miña mellor amiga todo o que explicachedes nas sesións”

Sempre nos emocionou ler as súas avaliacións, porque ao final, recibimos comentarios que nos motivan a seguir ano tras ano nesta tarefa, xa que evidencia que educamos para o mundo que é e para o que vén, que formamos para a autonomía e a xustiza social, e que achegamos ferramentas que teñen sentido máis aló dos muros das aulas: “aprendín cousas sobre unha chea de temas imprescindibles. Sinceramente, non sei como sería se non fose por vós”

Grazas e ata o curso que vén!