Con este obradoiro, pechamos o itinerario deste proxecto, no que se refire a contidos e a ferramentas de creación. Nesta ocasión, despois de analizar a desigualdade dende unha perspectiva mediática, analizamos o rol que a Cooperación Internacional e as ONGD teñen de cara ao cambio social. Tamén achegámonos aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, xa que son o eixo que articula as accións sociais e humanitarias para acadar un mundo máis xusto.
Nesta sesión queremos que o alumnado sexa consciente da responsabilidade e do poder que ten a cidadanía para cambiar as cousas: así, poñemos o foco sobre xeitos de participación, principalmente o voluntariado. Nesta sesión online, explicamos en que consiste e como poden facelo a través dos testemuños do profesorado que participa en EpDLaB e do voluntariado de Agareso, que contaron en primeira persoa como foron as súas primeiras experiencias neste eido.
Finalmente, botamos unha ollada ao mapa de ONGD que traballan en Galicia e escollemos unha para crear unha animación ou vídeo con efectos visuais, co obxectivo de promover o seu traballo ou de animar á xente a colaborar con ela.
Coma sempre, esperamos que esta sesión sexa un punto de partida para a construción dunha cidadanía solidaria e que defenda os dereitos humanos, dende a participación social activa e responsable. E,por suposto, esperamos que descubran novos xeitos de exercer esta cidadanía a través das organizacións sociais e as asociacións de voluntariado.