Esta semana tivemos unha actividade moi especial, pois CELEBRAMOS (asi, con maiúsculas) o HACKATON. Era unha das actividades que máis expectación xeraba entre o alumnado e superou, se cabe, as expectativas.

Ás 12 da mañá do pasado martes 26 de maio, con certos nervios e moita emoción, tivo lugar a xuntanza intercentros do EpDLab, que foi un éxito de convocatoria. Partiparon rapaces e rapazas dos centros que forman parte deste proxecto e, ao longo da mañá, fumos quen de compartir un ratiño do noso tempo para aprender e intercambiar impresións sobre como se está a vivir a crise do coronavirus en distintos países do mundo. Sen movernos da casa, emprendimos unha viaxe virtual por lugares tan exóticos coma a India, Guatemala, O Salvador, Perú e República Dominicana que nos permitiron achegarnos a outras realidades.

Decidimos deixar de lado as fake news e coñecimos que é realmente unha pandemia da man dun experto. Tamén traballamos en equipo para analizar a situación que se está a vivir en cada país e saber, deste xeito, se están preparados para facer fronte a unha pandemia.

O hackaton brindounos unha dobre oportunidade. Por unha banda, permitiunos traballar cóbado con cóbado con rapaces e rapazas doutros centros para crear unha campaña de comunicación, incidindo sobre a desigualdade social e a crise do coronavirus e, por outra banda, grazas a esta iniciativa, puxémoslle voz e cara a moit@s d@s que participan neste proxecto tan enriquecedor.

 

Un gran día que ben seguro tardaremos tempo en esquecer. Grazas ao alumnado pola súa implicación e participación!