Xa foi o hackathon. Tiña que ser unha xuntanza lúdica ao tempo que de aprendizaxe, pero dada a situación actual, isto foi imposible. Como todo ten un lado e un lado bo, esta actividade do EpDLab tamén foi así. Se ben é certo que no puidemos xuntarnos, traballar na produción de contidos en grupos e xantar na carballeira, tamén é certo que puidemos xuntarnos a través da nosa aula virtual e que puidemos reflexionar sobre a desigualdade dende una situación real: a crise do COVID-19.
Así, elaboramos unha actividade na que veríamos como unha mesma causa pode ter consecuencias moi diferentes segundo o país do que falemos. Para isto, contactamos con persoas que viven en Perú, India, El Salvador, Guatemala e República Dominicana, ademais de cun epidemiólogo galego que traballa para a universidade en Londres e que nese momento estaba en Bolivia. Con este experto comezamos, xa que el nos achegou conceptos clave sobre o virus e a pandemia, así como sobre métodos de prevención do contaxio. Despois dividimos ao alumnado en 5 grupos, cada un asignado a un país, e así puidemos coñecer como estase a vivir esta crise de primeira man en cada un destes lugares, dende a análise de 3 aspectos: a sanidade, os servizos básicos e a vivenda.
Silvana, Ruhaan, Jennifer, Dorian e Estéfani contáronnos a súa visión sobre o impacto da pandemia nos seus países, e o noso alumnado puido seguir todo isto mediante actividades interactivas e mediante a elaboración de reflexiones en papel, dun cartel e dun vídeo enviado vía whatsapp.
Para rematar, o epidemiólogo explícanos por que hai menos casos rexistrados nos países empobrecidos, e aí decatámonos de que nós temos unha situación privilexiada en canto aos recursos materiais, pero que a nosa forma de vida ten un papel moi importante no impacto negativo do virus en Europa: é dicir, que temos moito que aprender das formas de organización e de xestión dos recursos noutros lugares.
En paralelo, o alumnado tiña á súa dispor dous ferramentas para coñecerse e comunicarse: un chat para dúbidas e reflexións comúns, coa posibilidade de activar vídeo e coa presencia do profesorado, e un muro de Padlet, aberto á interacción libre entre o grupo (iso si, sempre moderado!)
Deste xeito, acadamos os nosos principais obxectivos: poñer en práctica todas as aprendizaxes do curso de forma colectiva ao tempo que afondamos nas relacións desiguais no mundo, e facilitamos puntos de encontro para a rapazada máis aló dos límites da súa aula.