A sesión sobre publicidade sempre arrinca cun alumnado que cre ter moi claras as estratexias e os trucos das empresas para vender produtos. O noso alumnado, ao igual que a maioría do público, pensa que a publicidade nos manipula con falsas ofertas, ou con imaxes que non responden á realidade. Nós partimos de aí: recollemos esas opinións, que tamén son certas, pero adentrámonos máis neste mundo das marcas e dos anuncios.
Ao final, sempre vemos que o importante vai máis aló do formal, é dicir, que máis que produtos ou servizos, a publicidade véndenos un modo de vida: o consumo como medio para acadar a felicidade e o éxito. Tamén decatámonos de algo moi importante: o impacto que este modelo ten sobre outros países, concretamente sobre os países produtores da materia prima ou nos que se elaboran as cousas que compramos aquí.
Outra vez, a desigualdade entre países con recursos e empobrecidos volve a ser o fío condutor. Así, pasamos á parte práctica coas ideas máis claras e creamos mensaxes publicitarias nas que usamos os anuncios de grandes marcas para denunciar situacións inxustas na súa cadea de produción, ou reivindicando os dereitos das persoas traballadoras e produtoras, ou poñendo de manifesto estas estratexias que nos fan pensar que o consumo é a fonte da felicidade ou do éxito. Así, creamos contrapublicidade, usando o deseño gráfico para crear discursos alternativos, de xeito creativo e dende a defensa da equidade e dos dereitos humanos.