Cando o EpDLab comezaba a súa recta final, chegou a pandemia e o estado de alarma. Con eles, chegou a suspensión das clases presenciais xusto cando tocaba un dos obradoiros mellor valorados pola rapazada participante: videocartas coa República Dominicana.

Grazas ás posibilidades da rede, puidemos seguir adiante co obradoiro en formato elearning. Así, elaboramos contidos dixitais interactivos cos que nos achegamos á realidade de República Dominicana: a súa xeografía, o seu clima, a economía, a sociedade… Despois, fixemos unha viaxe virtual ao batey La Balsa, o barrio dominicano onde vive a rapazada coa que intercambiamos videocartas. Nesta viaxe, coñecimos o batey, como pasan o tempo libre, como é a música, a xente, as casas… Todo isto cun formato similar a un xogo no que cada usuario elixe o seu propio itinerario.

Como conclusión xeral do obradoiro, reflexionamos sobre a idea de “responsabilidade”. Ao ver a vida da rapazada dominicana do batey contada por eles e elas mesmas, houbo alumnado galego que dixo que non sabía que gravar, porque se sentían mal despois de ver como viven alí e ser conscientes de todos os privilexios que temos aquí. Neste punto, comezamos a falar de conceptos clave como desigualdade, xestión de recursos naturais, oportunidades, solidariedade e responsabilidade.

Ao final, recibimos as videocartas de resposta para a rapazada do batey en Dominicana. Son moi diferentes ás que se fixeron en anos anteriores, xa que o alumnado tiña máis tempo e están máis elaboradas a nivel audiovisual: montaxes, rótulos, efectos, músicas… Houbo quen saíu de paseo polo seu pobo, ou quen nos presentou á súa familia ou ás súas mascotas. A partir de aquí, iniciase unha nova vía de diálogo intercultural entre rapazada galega e a dominicana a través de breves vídeos centrados na identidade, no ocio e nas relacións persoais, sempre dende unha perspectiva global que pon o til sobre a desigualdade no acceso aos recursos e nas oportunidades de futuro.