O venres 22 de febreiro recibimos a visita de María para traballar o noso segundo obradoiro de interculturalidade. Nesta ocasión tivemos a ocasión de reflexionar grazas a varios vídeos que nos fixeron pensar, e rematamos facendo os nosos propios vídeos animados contra o racismo e a discrimación.
Por unha parte, a curtametraxe “For the birds”, que se non vistes xa estades tardando, como se adoita dicir. É unha curta divertida, fíxonos rir, pero o que non nos fixo tanta gracia é a mensaxe que se agocha tras as risas: que adoitamos facer case todos nós co “diferente”? Por que nos molesta tanto o que non é igual? Vede a curta e pensádeo.
Continuamos con material creado pola Fundación Secretariado Xitano, así que xa sabedes en que colectivo nos centramos nesta sesión: son os nosos veciños, as e os nosos compañeiros de clase, pero en moitas ocasións seguímolos mirando como se non pertencesen ao noso entorno, conservamos prexuízos que veñen de hai centos de anos. Parece incrible que tras séculos de convivencia moitos e moitas sigamos véndoos como diferentes. Cal é o papel da información proporcionada polos medios, polos libros, polo sistema, no feito de que isto non cambie? Invitámosvos a ver a curta “La pregunta de Samuel”, e a invitar á Fundación Secretariado Xitano a visitar o voso centro. Ao noso viñeron unha semana antes deste obradoiro, e aprendimos cousas ben interesantes sobre a súa cultura e a súa lingua.
Como dixemos ao principio, rematamos facendo os nosos propios vídeos animados rexeitando calquera tipo de discriminación. Unha xornada ben completa e na que aprendimos moito sobre os nosos propios prexuízos e actitudes.