Este mes de xaneiro realizamos o obradoiro sobre bulos e noticias falsas. A temática xa se anticipaba o mes anterior, aínda que non directamente, si a partir de como os prexuízos e os estereotipos moitas veces forman parte da linguaxe mediática, e de como esta linguaxe nos inflúe a nós como individuos e a nós como sociedade. Desta volta introducimos outro factor que é a intencionalidade. Os bulos xéranse con unha intención, política e económica, e moitas veces difúndense en base a se responde ou non as nosas crenzas. De cara a construír unha cidadanía crítica é imporante saber isto para poder seleccionar nun futuro a información e poder ter, desta maneira, unha opinión o máis libre posible.

Un ano máis, e parece que ao contrario do sentir maioritario das persoas adultas, constatamos nas aulas de EpdLab que a comprensión mediática do alumnado mellora cada ano. En cada curso que pasa vemos como son máis conscientes de que existen as noticias falsas, máis críticos co que lles chega por redes, e que, por norma xeral, teñen máis ferramentas para detectar as noticias falsas.

Como cada ano, estas habilidade reforzámolas a partir de diferentes actividades ao principio da sesión para, xa despois, dar uns consellos sobre como detectalas. Na segunda metade centrámonos no discurso de odio: que é e como detectalo. Aínda que non coñezan o termo, si que son conscientes de que existe e de que se basea na repetición constante de noticias falsas. Pero ao mesmo tempo teñen dúbidas, dúbidas naturais porque viven en sociedade e moitos dos falsos rumores sobre persoas migrantes ou refuxiadas os escoitan no seu día a día. Non podemos esquecer a influenza que a contorna do alumando ten no mesmo.

A parte final da sesión adicámola a investigar. Dámoslles a cada grupo de 2-4 persoas un rumor e facilitámoslles datos de fontes fiables (Ministerios, Gobernos, Unión Europea, etc.) para que comproben canto hai de verdade nesas afirmacións. Para iso empregamos os materiais didácticos de StopRumores que recomendamos coñecer. O proceso de busca e investigación sempre resulta moi enriquecedor para o alumnado que moitas veces se sorprende ao comprobar que ideas moi estendidas non deixan de ser bulos.