Este mes de marzo tivemos o terceiro obradoiro de EpdLab. Nel falamos de prexuízos e migracións, facendo especial fincapé na linguaxe e no tratamento que se da nos medios. Un ano máis, comprobamos como en moitos casos hai un maior sentido crítico e unha maior capacidade de empatía e razoamento entre o alumnado de ESO que entre persoas adultas.
Comezamos a sesión a partir da primeira persoa, de reflectir sobre como nos fai sentir que a nós, os galegos e galegas, nos etiqueten nos asignen connotacións negativas. Esta reflexión facémola todos os anos a través do visionado e debate arredor do fragmento dunha entrevista, onde a resposta de “gallego en el sentido más peyorativo del término” utilízase para definir a unha persoa.
Feita esta introdución facemos uns exercicios con prensa escrita e vemos como a linguaxe moitas veces empregada nos medios afonda na deshumanización das persoas migrantes e no sensacionalismo. Tamén vemos como ao enfoca o feito migratorio a partir do conflito e da confrontación, os medios invisibilizan a complexidade e os aspectos positivos que a día de hoxe, e tamén ao longo da historia, estas migracións espallaron nas nosas culturas.
Retomando o parágrafo inicial, este ano quixemos incorporar un tema ao que, lamentablemente, un partido político lle quixo sacar rédito electoral nas recentes eleccións: a dos menores que chegan a España sen a compañía dun adulto (MENAS). O interesante foi que o alumnado de EpdLab nunca escoitara esta palabra nin sabía a que facía referencia. Tampouco entendían demasiado a necesidade desa etiqueta e preguntaban porque non se falaba de nenos, nenas ou adolescentes. De novo, o razoamento que sae dende as aulas poñendo en evidencia os usos que da linguaxe se fai nos medios e na sociedade.
Porque a linguaxe importa, é moito. Por iso temos que traballar dende as aulas na reflexión e na promoción dunha linguaxe inclusiva e que promova a diversidade a xustiza social. E tamén incorporar as diferentes linguaxes. Así que, como peche, remataron facendo memes. Unha actividade que fai que aula de secundaría se convírtsa nunha factoría de produción inesgotable.