O amor romántico é unha mensaxe que nos acompañou ao longo de toda a nosa educación sentimental. Aínda nos acompaña. Mirar as series, as películas e as historias que nos contan é revivir unha e outra vez a mesma experiencia: parellas heterosexuais, unidas polo destino e, polo tanto, inseparables para sempre. Dúas persoas que, no nome do amor eterno, deben facer e aceptar calquera cousa antes de rematar esa relación.
Afortunadamente, agora chámanlle tamén “relacións tóxicas”. Por esta razón, podemos observar estas narracións con perspectiva crítica e as violencias non pasan desapercibidas. Ao igual que no caso da primeira sesión de EpDLab, o alumnado amosa coñecementos e habilidades que permiten traballar este tema mellor cada ano, atopando cada vez menos persoas que non vexan a relación coa violencia nestas historias. Malia isto, ponse de relieve que a alfabetización mediática con perspectiva de xénero é moi necesaria, para aprender a identificar a desigualdade e a violencia nas imaxes, nos diálogos, nos roles dos personaxes ou no titular dun xornal.
O alumnado responde ben nos debates, recoñecendo que esta aprendizaxe vailles resultar moi útil á hora de elixir a cultura e o entretemento que consuman. Non porque deixemos de ver Tv, cine ou series, senón porque agora podemos facelo “coas gafas violeta”, poderemos crear contra-discurso e así poderemos ser máis fortes.