Cales son os roles que mulleres e homes ocupan realmente nos medios de comunicación? Cantos protagonistas son femininos e cantos son masculinos? Teñen uns roles xa determinados? Quen son os heroes? E as vítimas?

Deste xeito arrincaba o noso segundo obradoiro do EpdLab, no que o alumnado tratou de atopar resposta a estas cuestións a través do visionado de fragmentos de series e películas de actualidade e da análise de campañas publicitarias.

Afondamos nos roles de ámbolos dous xéneros co obxectivo de adoptarmos unha actitude crítica contra calquera manifestación machista presente no noso día a día e tratamos de recoñecer aquelas atitudes e accións que promoven a igualdade.

Analizamos e reflexionamos sobre as mulleres nos medios, a súa “cousificación” e o feito de que moitas veces sexan consideradas “mulleres floreiro”. Tamén debatimos e exploramos diversos contidos relacionados con entrevistas a mulleres na televisión que foron cando menos controvertidos no seu momento, para falar despois da violencia machista, que desafortunadamente aínda se cobra demasiadas vítimas.

O alumnado púxose mans á obra e convertéronse en actores e actrices de dobraxe por un día, para o que fixeron uso da aplicación Mad Lipz para a inserción de diálogos redactados por eles en clave feminista.

Un segundo obradoiro do máis proveitoso que permitiunos achegarnos á creatividade audiovisual para loitar por un mundo no que a igualdade sexa real, e non meramente formal.