O EpDLab volveu ao IES Pintor Colmeiro para celebrar o segundo obradoiro deste curso. Desta volta, o grupo de 3ºA tivo que investigar, reflexionar e debater sobre o sexismo e os roles de xénero nos medios de comunicación, para darlle logo unha volta con dobraxes alternativas para escenas audiovisuais.

Comezamos a sesión adentrándonos no concepto de sexismo, que fai referencia á discriminación por razón de sexo. Traballamos en grupo para analizar imaxes de publicidade de moda na que a representación dos homes e das mulleres é moi desigual: mentres que os modelos masculinos parecen fortes, seguros, elegantes, respectables etc, as modelos femininas son retratadas como persoas torpes, tristes, vulnerables e en espazos pouco adecuados.

Dedicamos logo un tempo a debater sobre a cousificación da muller nos medios de comunicación, centrándonos en dous exemplos: o tipo de preguntas que Pablo Motos fai en “El Hormiguero” ás mulleres que entrevista, e a polémica dos vestidos de Cristina Pedroche para as badaladas de ano novo. Ao alumnado en xeral resultoulle inapropiado o tratamento de Motos ás súas convidadas, a base de preguntas íntimas que nada teñen que ver coa súa actividade profesional. O caso de Pedroche provocou un maior debate, con opinións diferentes sobre se o seu xeito de vestir responde soamente a unha decisión persoal dela ou se se produce nun contexto no que se espera que o seu corpo sexa un reclamo para os teleespectadores. Foi un debate enriquecedor.

O último aspecto que abordamos foi a representación do amor romántico nos medios, especialmente no cine e nas series. O exemplo co que traballamos deixou a aula coa boca aberta: unha escena da serie “El barco”, supostamente romántica, pero que a todo o alumnado lle pareceu fóra de lugar. De maneira moi resumida: o protagonista masculino pídelle á súa parella feminina que non volva falar nunca con ningún home. A rapazada de 3º A pareceulle insólito que unha escena gravada hai só 6 ou 7 anos ofreza como algo positivo unha visión tan posesiva e distorsionada do amor.

A sesión rematou cunha práctica divertida: empregando a app MadLipz o alumnado debía dobrar escenas de cine, series ou televisión subvertindo o sentido dos diálogos para darlles unha lectura que rachase cos estereotipos e os roles de xénero. Trebellando cos móbiles tocou a sirena que puxo fin a este segundo obradoiro de EpDLab. Xa falta menos para o terceiro!

 

Moises Álvarez – Voluntario en Agareso