Nesta segunda sesión dos obradoiros EpdLab, Roi chegou cargadiño de imaxes publicitarias, vídeos de programas e series televisivas, e ganas de que moveramos un pouco as nosas neuronas.
Algunha vez nos paramos a mirar a publicidade gráfica, sobre todo de moda? Que imaxe dá de homes e mulleres? Non imos ser nós os e as que vos deamos unha resposta, invitámosvos a que collades calquera revista desas que están na primeira liña dos quioscos e botedes un ollo, seguro que se centrades a vosa atención vos habedes sorprender. Aquí están algunhas das sensacións que transmitiron esas imaxes ao alumnado do Milladoiro.
E para seguir, como somos tratados e tratadas homes e mulleres cando nos fan unha entrevista na televisión ou cando protagonizamos unha escena dunha serie ou película? Algunha vez nos paramos a reflexionar sobre o concepto de relación de parella que nos “venden” os medios? Que é iso do “amor romántico” e que actitudes e expectativas xenera? Necesitan as mulleres un heroe que as protexa, as coide e mire por elas?
Que chea de preguntas, eh! Pois sobre todo iso tivemos que pensar e logo volcar as nosas conclusións en breves vídeos dobrados con Madlipz nos que expresamos as nosas ideas sobre todo o falado nas dúas horas de traballo. Abofé que foi unha xornada ben proveitosa.
Agora tócavos a vós pensar, e facémosvos unha proposta, relacionada con este obradoiro e co anterior. Agora que os nosos buzóns e pantallas se están a encher de publicidade navideña, por que non aproveitamos para botar unha ollada e ver se algo está cambiando ou estamos perpetuando estereotipos?
Ata a próxima!
IES Milladoiro. 2º ESO E.