Durante este mes de abril o o proxecto EpdLAb centrouse na temática do consumo responsable. De primeiras, cando preguntamos que podía significar “consumo responsable” ningún grupo deu coa resposta. En todos os centros dixeron que “comprar poucas cousas” e “non beber alcohol”. Correctas as dúas cousas pero tocaba ampliar para afondar no concepto.

Para iso servímonos da publicidade de produtos alimentarios. Como se venden? Que estratexias empregan? Vimos que son moitas e moi variadas pero que case nunca se refiren ao valor real do produto: nutricional, saudable… senón que, ou ben, recorren a personaxes famosos consumindo ese produto, ou a ideas intanxibles como a felicidade ou empregan a muller como un obxecto de reclamo, entre outras estratexias.

Unha vez feito este percorrido pasamos a falar da industria agroalimentria. Os alimentos que chegan a nosa mesa percorreron de media case 4000km! Nos andeis dos supermercados temos espárragos de “Navarra” que se cultivaron en Perú e que, iso si, foron envasados en Navarra. Tamén resulta difícil, senón imposible, saber a trazabilidade (saber de onde provén) os produtos que se poden comprar nas cafeterías dos IES. Toda unha infraestrutura loxística que ten un impacto enorme no medio e, na que nós como consumidores, temos a última palabra.

Vimos vídeos o outros recursos online, e falamos da concentración das grandes empresas antes de chegar a parte práctica que consistía en facer un cartaz de contrapublicidade. Un deseño no que, baseándonos na información do proxecto “Tras la Marca” ou noutras informacións que o alumando foi buscando, trasladara unha información alternativa sobre as grandes marcas. Coma sempre, a súa imaxinación sorprendeunos.