O obradoiro das vídeocartas volveu ser un éxito un ano máis. Esta actividade, que cando foi pensada parecíanos que podía ter pouco interese para o alumnado polo “viejuno” da proposta, ano tras ano é das actividades mellor valoradas e isto percíbese mentres realizamos a sesión. A proposta é moi sinxela, facer unha introdución á cooperación a partir de (re)coñecerse co alumnado de escolas doutro lado ao Atlántico. Os anos anterior viaxamos a El Salvador pero este ano movémonos a República Dominicana.
Isto é porque Agareso comezou o pasado ano a traballar nese país en diferentes proxectos de cooperación. Ademais, ten o atractivo de que varios alumnos nos IES de EpdLAB en Galicia proveñen de Dominicana polo que neses centros, a actividade foi dobremente interesante.
Empezamos facendo un pequeno test de coñecementos: onde está? de que se nutre a súa economía? como é o clima ou a cultura? Preguntas que serviron de petisco co que espertar o interese do alumnado. Unha vez resoltas estas cuestións, e xa con un certo coñecemento sobre República Dominicana, pasamos a ver as vídeocartas. Estas foron gravadas por alumnado da Escola de Montecristi, no Batey las Balsas. Trátase de vídeos curtos nos que, como na correspondencia tradicional, rapaces de alí contan como lles vai a vida, que cousas lles gosta facer e preguntan aos de aquí o que lles da curiosidade: que música escoitan, que fan no tempo de lecer… Cada unha destas vídeocartas sérvenos tamén para retomar diferentes temas como a educación, o acceso a luz e agua, a desigualdade, etc.
Pero todo o enumerado aquí non interesaría se non fora polos vídeos. A proximidade destes facilita a empatía: escoitan a rapaces a rapaces coma elas e senten curiosidade. E preguntan. E falamos. De todo isto sae a seguinte necesidade que é a de contestar. Na segunda parte da sesión o alumnado galego responde, fai preguntas, grava o instituto, amosa o campo de fútbol e, en definitiva, constrúe pontes con rapazada que está a miles de quilómetros.
Cada ano, ao rematar, fan a mesma pregunta: “van ver as nosas vídeocartas”? Sempre o intentamos pero non sempre é sinxelo. Desta vez, dous compañeiros de Agareso viaxaban a Dominicana xusto ao rematar o mes de marzo así que as cartas chegaron aos destinatarios. A ver se nos mes de xuño pechamos o curso vendo as súas respostas!